A Selección de Galicia Júnior pechou en Valladolid a súa primeira fin de semana de competición

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

A dobre cita coa que a Selección de Galicia Júnior de estrada abriu a temporada tivo como segundo capítulo o Trofeo Federación Copa Valladolid Memorial Ángel Lozano. Tras o día anterior ter asinado o décimo posto na contrarreloxo por equipos do Trofeo La Cistérniga Viana de Cega, o combinado dirixido por Guillermo Sande situou a Adrián Giráldez como o seu mellor clasificado na capital pucelana. O corredor ponteareán alcanzou a liña de meta no pelotón principal que chegou a 51 segundos do gañador en solitario Ibai Ruíz (Arabarrak).

Sobre un percorrido de 116 quilómetros, con múltiples cotas e un implacable vento,  o desenvolvemento da carreira resultou un pouco anormal pola parada de media hora que se realizou despois de que unha caída múltiple deixara a carreira sen ambulancias. O galego Brais García foi un dos implicados e non puido rematar. 

O vento destrozou o pelotón nos últimos quilómetros e Giráldez entrou pechando o gran grupo, no posto 46º, co mesmo tempo que o cuarto clasificado. Ivan Dias, defendendo as cores do Dipuleon-Bembibre, rematou 31" máis tarde na posición 54ª. Un minuto despois finalizou Martín Soutullo (60º). Os seus compañeiros no combinado autonómico Brais Gómez (86º) e Uxío San Martín (98º) tamén completaron a proba, mentres que Iván Rodríguez abandonou.

O próximo evento no calendario júnior é a I Challenge Carballo que se celebra nesta vindeira fin de semana, unha competición coa que se pon en marcha a Copa Galicia desta categoría. 

 

Clasificación

Foto: Santi Miñarro


Enlace con la noticia original: A Selección de Galicia Júnior pechou en Valladolid a súa primeira fin de semana de competición

Mas noticias relacionadas