A Selección de Galicia participa con 26 ciclistas nos Campionatos de España Escolares

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Despois de exercer o ano pasado de anfitrioa en Baños de Molgas, a Selección de Galicia disputa os Campionatos de España Escolares dende este venres e ata o domingo na provincia de Valencia. O combinado autonómico, dirixido por Guillermo Sande, presentará neste evento a 26 ciclistas: oito da categoría infantil e dezaoito da cadete. O Circuito Ricardo Tormo de Cheste será o encargado de acoller as probas de estrada, mentres que no municipio Riba Roja del Turia desenvolveranse as carreiras de BTT. 

A competición dará comezo este venres, 5 de xullo, ás 17:00 horas coa contrarreloxo por equipos para rapazas cadetes á que seguirá a dos rapaces cadetes, que arrancará ás 17:45 horas. Ao remate das mesmas, celebraranse as probas contra o crono individuais para mozas cadetes, ás 18:30 horas, e a de mozos cadetes, ás 19:15 horas.

A do sábado 6 de xullo será unha completísima xornada que dará comezo no Circuito Ricardo Tormo de Cheste coas probas en liña infantís (a feminina ás 10:00 horas; a masculina ás 11:00 horas). A acción trasladarase pola tarde a Riba Roja del Turia, pois ás 16:00 horas terá lugar a proba BTT para rapazas cadetes e ás 17:00 horas a de rapaces desta mesma categoría. As Gymkanas infantís para mozas (18:30 h) e mozos (19:30 h) serán as encargadas de poñer o peche a este día.

O Campionato de España Escolar chegará ao seu fin durante a mañá do domingo 7 de xullo na que se celebrarán ás 9:00 horas a proba en liña para rapazas cadetes, que terá 42,1 km, mentres que ás 11:00 horas terá lugar a correspondente aos rapaces cadetes, que completarán 54,6 quilómetros.

Máis información

 


Enlace con la noticia original: A Selección de Galicia participa con 26 ciclistas nos Campionatos de España Escolares

Mas noticias relacionadas