A Volta a Galicia celebra desde este xoves a súa maioría de idade cun espectacular percorrido

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Unha contra o reloxo por equipos dará este xoves en Baiona o bandeirazo inicial á XVIII Volta Ciclista a Galicia para corredores Elite e Sub23. A gran rolda autonómica alcanza a maioría de idade e celebrarao indo do sur ao norte da comunidade, dende o Atlántico ata o Cantábrico, en catro xornadas de máxima esixencia. Un espectacular percorrido no que 119 ciclistas de dezasete equipos loitarán por suceder a Sergio Vega no palmarés da carreira que pecha o calendario amateur español.

Os escaladores son a priori os grandes favoritos para acadar a vitoria final, pero a Volta arranca cun aperitivo para rodadores. Nun trazado de 8,3 quilómetros pola localidade pontevedresa de Baiona terá lugar unha explosiva contra o reloxo por equipos. A partir das 18:00 horas cada conxunto irá tomando a saída en intervalos de cinco minutos  e sobre as 19:00 coñecerase o nome do primeiro líder da carreira organizada pola Federación Galega de Ciclismo.

A comarca do Val Miñor repetirá como escenario ao día seguinte na primeira cita coa montaña. De novo con Baiona como punto de partida e conclusión, o pelotón terá que completar 137 km. Os dous portos puntuables atópanse na segunda metade da xornada. O Alto de Tebra (km 76), de 3ª categoría, exercerá de antesala do Alto da Groba, unha subida de once quilómetros e catalogada de 1ª, co seu cumio a 35 km da chegada.

O sábado a caravana desta rolda trasladarase ata a provincia da Coruña. A tirada Teixeiro-Curtis, a máis longa con 151 km, volve presentar unha dificultade montañosa de 1ª categoría. Nesta ocasión o Alto de Amenoeiras (km 59) está situado antes do ecuador da etapa. As ramplas puntuables regresarán no treito final con dous pasos polo Alto da Queimada, que se coroará por segunda vez a 5 quilómetros para a liña de meta.

A dureza manterase ata o último metro desta rolda e o domingo será a quenda da xornada raíña en Viveiro. A Volta resolverase en 130,5 km pola Mariña Lucense con final no Alto de San Roque. Antes deste porto de 1ª, con pendentes que alcanzan o 20% e un desnivel medio do 9% nos seus 4 quilómetros, haberá outras tres ascensións: Cruceiro (3ª, km 5), Couboeira (3ª, km 90) e As Lobeiras (2ª, km 108,7).

 

Homenaxe a Vidal

Os ciclistas que aspiran á camisola amarela necesitarán o apoio dos seus compañeiros nunha carreira tan selectiva. De traballar en equipo sabe moito o homenaxeado nesta edición, José Ángel Vidal. O excorredor de Padrón foi un dos mellores gregarios do pelotón profesional. Vestindo as cores do equipo Kelme disputou oito veces o Tour de Francia, seis o Giro de Italia, tres a Vuelta a España e catro a París-Roubaix.

O ano pasado Vidal festexou como membro do corpo técnico do Supermercados Froiz o éxito na clasificación xeral de Sergio Vega. O gañador 2018 compite esta temporada no campo profesional, polo que o trono da Volta busca novo propietario.

A participación pode calificarse de luxo, coa maioría dos mellores conxuntos Elite e Sub23 da península ibérica. Representando ao ciclismo galego estarán seis equipos: Froiz, Aluminios Cortizo, Vigo-Rías Baixas, Club Ciclista Vigués, Team Cycling Galicia-Aluminios Alca e Aleata-Farto. Nove estruturas acudirán dende outros puntos de España: Bicicletas Rodríguez Extremadura, RH Polartec Fundación Contador, Diputación de León Arte en Transfer, Ciudad de Oviedo, Tenerife Bike Point, Lizarte, GSport Valencia, Gomur y Telco’m. As dúas formacións restantes proceden de Portugal: Sicasal e Fortunna Maia.

As etapas poderanse seguir por streaming na canle de YouTube de EMESports TV e a través do Twitter co hashtag #VoltaGalicia2019. Toda a información da proba está recollida na páxina web oficial voltagalicia.com.


Enlace con la noticia original: A Volta a Galicia celebra desde este xoves a súa maioría de idade cun espectacular percorrido

Mas noticias relacionadas