Ana Santos e Daniel López conquistan o Rosal na Copa Galicia de Ciclocrós

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Unha das citas clásicas do calendario autonómico volveu facer este sábado as delicias dos especialistas en ciclocrós. Na súa XXII edición o Trofeo Comunidade de Montes de Eiras achegouse aos 400 participantes. Sobre a area do Rosal, o elite Daniel López Parada (Burgos BH) e a júnior Ana Santos conquistaron os triunfos de máis prestixio na sexta xornada da Copa Galicia.

O ciclista profesional de estrada anotouse a súa primeira vitoria na actual temporada de ciclocrós. O coruñés Dani López sorprendeu ao tamén elite Jacobo Ucha (Qué Bici Marcisport), que ata chegar ao Rosal se atopaba invicto este curso. O representante do Burgos BH venceu con 26 segundos de vantaxe, despois de cruzar a liña de meta cun tempo de 53 minutos e 17 segundos.

Aínda máis emocionante que o duelo pola primeira praza estivo a batalla por completar o podio. Catro corredores, que remataron a minuto e medio do gañador, xogáronse ao esprint a terceira posición con Aser Estévez (Ciclistmo Oiense) batendo a Martín Lestido (Supermercados Froiz), ao vencedor sub23 Jorge Suárez (Supermercados Froiz) e a Luis Fernández Oliveira (Avanza).

O líder elite Jorge Punzón (Cosmos) non puido estar na loita pola caixón e entrou sétimo, conseguindo salvar o maillot da Copa Galicia.

Na proba raíña feminina a gran sensación do inicio desta campaña retomou o mando. Tras perderse as tres últimas xornadas, a portuguesa Ana Santos regresou ao calendario galego para asinar o seu terceiro triunfo absoluto na Copa. Competindo ao carón do seu país, a júnior lusa ofreceu unha exhibición de 37 minutos e 48 segundos. A case 3 minutos e medio concluíu a líder sub-23 Carla Fernández (Río Miera), que superou en 14” á líder júnior Laura Capa (Aleata-Farto). Cuarta, e primeira elite, clasificouse María Jesús Barros (Spol).

Outros nove ciclistas inscribiron o seu nome no palmarés de vencedores do evento organizado polo Club Ciclista O Rosal: Laura Mira (Redondela) e André Martínez (Avanza), Vasco Cunha nos juniors, Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Manuel Armada (Cidade de Santiago) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

Catro cambios de líder

A Copa Galicia alcanza o seu ecuador coa maioría dos seus rankings moi abertos. Catro corredores asaltaron a primeira praza das súa categorías no circuíto rosaleiro. A estrutura do Avanza fíxose con dous maillots por medio do cadete André Martínez e do júnior David Fernández. Pola contra Óscar Fernández, sub-23 do equipo porriñés, viuse desbancado do primeiro posto por Ángel Maneiro (Toxo). O cuarto cambio de líder protagonizouno Manuel Armada nos máster-40.

O resto de clasificacións non sofren variación no máis alto. Laura Mina nas cadetes, Laura Capa nas juniors, Carla Fernández nas sub-23, Diana Blanco (Barbanzabike) e Jorge Punzón en elites, Rocío Blanco e Andrés Calvete en máster-30, Estela Lago (Bike O Facho) nas máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60 recibiron unha xornada máis a súas camisolas de líderes.

A vindeira fin de semana o ciclocrós español terá como referencia Pontevedra. Na cidade do Lérez disputarase o sábado o IV Ciclocross Concello de Pontevedra, puntuable para a Copa Galicia, e o domingo chegará a quenda  da Copa de España co Gran Premio Ciudad de Pontevedra.

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Ana Santos e Daniel López conquistan o Rosal na Copa Galicia de Ciclocrós

Mas noticias relacionadas