As Pontes, Muros e Oroso acollerán esta fin de semana a 18ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Os concellos de As Pontes, Muros e Oroso serán este ano as sedes centrais da 18ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que se disputará entre os días 31 de maio e 2 de xuño e contará coa participación de máis dun centenar de ciclistas das categorías Élite e Sub-23, nas que se forxan as novas promesas desta disciplina deportiva antes de chegar ao ámbito profesional.

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz foron os encargados de presentar hoxe este evento deportivo nun acto celebrado no salón de plenos da Deputación, no que participaron tamén o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, o concelleiro de Deportes pontés, Chicho Tembrás e o ciclista profesional Daniel López. 

González Formoso destacou que a Deputación da Coruña vén apoiando dende os seus inicios unha Volta Ciclista á Provincia que este ano “cumpre a súa mayoría de idade”.

O presidente provincial destacou ademais “o apoio ao ciclismo” do goberno provincial e “o importante investimento levado a cabo durante este mandato para mellorar as estradas provinciais, apostando especialmente pola seguridade de ciclistas e peóns”. 

Un aspecto no que tamén incidiu o deputado de Deportes, Antonio Leira, que lembrou que aproximadamente un terzo das estradas provinciais (aquelas máis transitadas por ciclistas) contan con sinais que advirten da obriga de deixar 1,5 metros de distancia nos adiantamentos de vehículos e puxo en valor proxectos importantes para a mobilidade coma a rede ciclista metropolitana da Coruña.

Leira destacou as importantes probas ciclistas que patrocina a Deputación e manifestou o seu desexo de que a Volta siga celebrándose outros dezaoito anos.

Etapas 

Nesta 18 edición da Volta participarán un total de 17 equipos, seis deles galegos, e cabe destacar a participación, por primeira vez na historia do evento, dun equipo colombiano.

A proba comezará mañá venres 31 de maio, ás 13.30 horas, na praza do Concello de As Pontes. Dende alí partirá un itinerario de 150 quilómetros que percorerrá Penapurreira, Goente, As Neves, Pontedeume, Cabanas, Fene, Neda, San Sadurniño, Valdoviño, Cedeira, As Somozas, para rematar de novo nas Pontes arredor das 17.15 h.

O sábado 1 de xuño a segunda etapa da Volta partirá de Muros ás 14.00 horas, dende onde se realizará un percorrido de 141,6 quilómetros que pasará por Serres, Abelleira, Esteiro, Freixo, Serra de Outes, Cruceiro de Roo, Tal, Abelleira, o alto das Paxareiras, Muros, San Francisco, Lira, Carnota, O Viso, Paxareiras, Serres e meta en Muros.

A derradeira etapa, de 140 quilómetros, disputarase o domingo 2 de xuño. Sairá de Sigüeiro (Oroso) para pasar por O Rial, Tordoia, A Tablilla, Xesteda, Cerceda, Ordes, Oroso, Penateixada, Santa Irene, Touro, Pedrouzo, Santiso, Saamil e fin de etapa de novo en Sigüeiro.

Toda a información detallada da Volta e as súas etapas pode seguirse na web https://www.voltacoruna.com/


Enlace con la noticia original: As Pontes, Muros e Oroso acollerán esta fin de semana a 18ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña

Mas noticias relacionadas