Canal sumou en Valladolid o seu segundo triuinfo no Open de España XCO Cofidis

Publicado por: F.G. Ciclismo

A segunda xornada do Open de España XCO Cofidis confirmou a Carlos Canal (Academia Postal – Maceda) como o gran dominador da categoría júnior. O limiao colleitou a súa segunda vitoria nunha xornada na que outros nove galegos acabaron entre os dez primeiros das súas categorías. 

A carreira júnior masculina foi un monólogo de Canal. Dende a primeira volta abriu oco respecto ao seus principais rivais e en cada xiro foi aumentando as diferencias. Cun rexistro na liña de meta de 1:12:40 o ourensán superou en 1:36 a Jaume Bosch (TBikes) e en 3:12 a Miguel Sánchez (Pindal).

A estructura do Maceda tamén subiu ao podio nos masters-60 con Jose Manuel González,  que acadou a terceira posición, mentres que as súas dúas juniors ocuparon postos de 'top ten': Noela Saa (5ª) e Andrea García (9ª).

Rodríguez, de novo cuarto

Nas dúas primeiras citas do Open de Cross Country Olímpico o elite Pablo Rodríguez (Primaflor) semella abonado á cuarta praza. En Valladolid repetiu o mesmo resultado que acadara en Chelva. O biker de Maceda rematou nesta ocasión a 53 segundos do terceiro clasificado, Mario Miranda (AXPO).

Na competición raíña feminina dúas galegas estiveron entre as dez primeiras. A elite Lara Lois (Extol-La Gramola Team) foi sexta e a sub23 Irene Trabazo (Marín), oitava. 

No resto da actuación dos bikers da nosa comunidade Miguel Rodríguez (Ponteareas) quedouse a un paso do podio co seu cuarto posto nos cadetes, Xacob Agra (Master da Louriña) asinou a décima praza nos máster-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) concluíu sexto nos máster-50.

A vindeira proba puntuable deste certame será a de El Almendro (Huelva), o 14 de abril .

 

Máis información sobre o Open de España XCO Cofidis

 


Enlace con la noticia original: Canal sumou en Valladolid o seu segundo triuinfo no Open de España XCO Cofidis

Mas noticias relacionadas