Carlos Canal iniciou o Open de España XCO subindo ao podio malia sufrir unha picada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Nos Internacionales de Chelva, a primeira das catro probas que presenta o Open de España de Cross Country Olímpico (XCO) 2018, houbo un podio galego. Carlos Canal (Academia Postal – Actyon – MMR) obtivo a terceira posición na carreira júnior ao superar por tan so 3 segundos ao tamén galego Adrián Barros (Coruxo).

O representante do Maceda tivo que remontar tras sufrir unha picada cando marchaba segundo. O limiao perdeu un par de postos por mor desa avaría e alcanzou a liña de meta a 3:47 do gañador Mathis Azzaro e a 20" do segundo clasificado David Campos (Primaflor-Mondraker). 

A cita valenciana reuniu unha destacada participación estranxeira, o que outorga aínda máis valor os resultados acadados polos representantes da nosa terra. Nos cadetes Miguel Rodríguez (Ponteareas) obtivo a quinta praza, Marcos Nube (Academia Postal – Actyon – MMR) a undécima e Jorge Lorenzo (Coruxo) a duodécima. 

En canto ás corredoras galegas, a cadete Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) asinou o sexto posto, oitava foi a súa compañeira de equipo Aida González e novena terminou Zaira Vila (Coruxo). Pola súa banda, a júnior Andrea García (Academia Postal – Actyon – MMR) concluíu décima na súa categoría. 

A próxima xornada deste Open celebrarase o 18 de marzo en Valladolid.

Máis información aquí


Enlace con la noticia original: Carlos Canal iniciou o Open de España XCO subindo ao podio malia sufrir unha picada

Mas noticias relacionadas