Lete Lasa presenta a XVIII Volta Ciclista que "mostra a Galicia en todo o seu esplendor"

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, presentou na mañá deste xoves a XVIII edición da Volta Ciclista a Galicia que terá lugar do 19 ao 22 de setembro. O mandatario galego subliñou a importancia da “proba raíña do ciclismo galego” que “mostra a Galicia en todo o seu esplendor” dinamizando e promovendo “os nosos tesouros naturais máis cotizados” ao longo dos seus 450 quilómetros. Neste sentido falou das Rías Baixas e do Baixo Miño, da comarca do Deza e da Mariña lucense como as áreas máis importantes polas que pasará o pelotón galego e das que destacou as súas praias, agricultura, montes, cultura ou gastronomía.

En total, a Volta transitará por un total de 25 concellos galegos (Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Curtis, Vilasantar, Melide, Toques, Sobrado, Oza-Cesuras, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol e O Vicedo), o que representa un 8% do territorio galego.

Lete Lasa lembrou que Vigo xa foi hai 132 anos o escenario da “primeira e rudimentaria competición ciclista de Galicia con oito participantes, necesaria para que hoxe a Volta se faga maior de idade coa súa décimo oitava edición”. Neste sentido, o secretario xeral destacou Vigo  como “xoia  e  motor  de Galicia”,  así  como “o  principal  foco  das  nosas actuacións”. A Secretaría Xeral para o Deporte Vigo investiu nesta tempada un total de 733.000 euros destinados á actividade dos clubs da cidade (case 7 millóns desde 2009) que chegan a máis de 150 equipos de base e 22 de alta competición.

Tocante ao ciclismo, o secretario xeral lembrou que o deporte das dúas rodas atópase nun “excelente estado de saúde” como demostran as máis de 7.000 licenzas expedidas en 2018, 280 clubs con actividade e un investimento da administración autonómica que, neste ano 2019, rolda os 450.000 euros, a cuarta federación deportiva galega con maior crecemento. No seu relatorio tamén se dirixiu aos equipos presentes no acto como o Club Ciclista Vigués, o Farto de Pontevedra e o Alca de Redondela, así como o Farto feminino e o Club Ciclista Riazor de ciclismo adaptado, patrocinados pola Xunta.

Fonte: Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral para o Deporte 


Enlace con la noticia original: Lete Lasa presenta a XVIII Volta Ciclista que "mostra a Galicia en todo o seu esplendor"

Mas noticias relacionadas