Manuel Pellón asumiu o mando da Copa Galicia DHI no Páramo

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Desde o parque eólico do concello do Páramo lanzouse este domingo Manuel Pellón para asinar unha baixada redonda. O representante do BDM Bike Club logrou o triunfo na segunda xornada puntuable da Copa Galicia DHI  e vestiuse a camisola de líder elite do certame autonómico. Todo isto tras 3 minutos e 32 segundos de pura adrenalina no percorrido deseñado polo DHG Team. 

A cuarta edición desta cita celebrada na provincia de Lugo tamén tivo como gañadores nas súas categorías a Diego Álvarez nos cadetes, a Víctor Mariño (XBikes) nos juniors, a César Sánchez (Corbelo) entre os sub23, a Uxía Álvarez (Coruxo) nas mulleres, a Borja Comesaña (Coruxo) nos masters-30 e a Jose Montenegro (Moto Bike) nos masters-40. Fóra da Copa Galicia disputouse a proba para os especialistas en Enduro con vitoria para Iago Martínez (Fornelos).

As condicións atmosféricas acompañaron e os riders atóparonse un circuíto seco. O trazado do Páramo non ten segredos para os pilotos galegos e nesta ocasión anotarónse 69 participantes. Quen non puido tomar a saída na quenda clasificatoria nin na final foi Alejandro Vila (Xtrembike). O vencedor máster-30 na primeira xornada deste certame lesionouse durante os adestramentos do sábado. 

Preto do tempo asinado por Pellón, a dous segundos,  quedouse Víctor Mariño. O júnior do XBikes obtivo o segundo mellor rexistro (3:34) na táboa scratch. Outra das promesas autonómicas desta modalidade, o tamén júnior Marco Martínez (Corbelo), finalizou terceiro (3:41).

Tres novos líderes

Cos 150 puntos sumados neste IV Descenso DHGTeam Páramo, Pellón desbanca do primeiro posto no ranking elite a Marco Veiga (CiclosQuintena), que non participou nesta proba. O novo líder conta con 70 puntos de vantaxe sobre Abel Ríal (Compostelano) e con 115 respecto a Sergio Peleteiro (XBikes). 

Unha situación similar deuse nos masters-40 con Montenegro aproveitando a ausencia de José Manuel Verdía (CiclosQuintena) e nos masters-30 con Comesaña adiantando ao lesionado Vila. No resto de categorías manteñen o seu dominio Diego Álvarez nos cadetes, Mariño nos juniors, Sánchez nos sub23 e Uxía Álvarez nas mulleres. A Copa Galicia DHI fará a súa próxima parada o 13 maio na localidade ourensá de Xunqueira de Espadanedo. 

 

Foto: Fonsi Méndez

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Manuel Pellón asumiu o mando da Copa Galicia DHI no Páramo

Mas noticias relacionadas