Monforte repartiu oito títulos autonómicos de fondo en estrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

No último Campionato de Galicia do calendario de estrada 2019, oito ciclistas conquistaron títulos autonómicos este sábado na localidade lucense de Monforte. A elite María Jesús Barros (Spol), a sub23 Paula Sanmartín (Eneicue), a júnior Carla Fernández (Río Miera), a cadete Claudia García (Redondela Il Piccolo), a máster-30 Ana Gómez (Chinquena), a máster-40 Mónica Alarcón (Arcadecycles), o júnior Miguel Ángel Mera (MMR) e o cadete Rubén Fandiño (Zona Cycling) ergueron os brazos na liña de meta ubicada diante do Colexio dos Escolapios. O sol acompañou nas tres carreiras que reuniron un total de 135 corredores.

Os juniors encargáronse de abrir a xornada dando cinco voltas ao circuíto de 18 quilómetros que chegaba ata o concello de Sober. A formación asturiana do MMR soubo mover as súas pezas para asinar un triplete. Ramón Fernández, que sería o gañador, chegou ao treito final do percorrido fugado xunto a Miguel Suárez (Ponteareas). Dende o pelotón saltaron na última subida Mera e Jorge González, ambos do MMR, levándose con eles a Gianni Iannelli (Redondela Il Piccolo).

Este terceto perseguidor alcanzou a Suárez, pero non a Fernández, que se impuxo con 5 segundos de marxe. Segundo, e primeiro galego, foi o santiagués Mera. A súa roda entraron o seu compañeiro González, Ianneli e Suárez, co do Redondela superando ao do Ponteareas no esprint pola medalla de prata do Campionato de Galicia.

Outro corredor de Santiago de Compostela e que milita nun equipo doutra comunidade triunfou na proba cadete. Na segunda e definitiva volta ao circuíto, Fandiño conseguiu uns metros de vantaxe xunto a Jorge Fajardo (Barbanza) e Sergio Lorenzo (Avanza) na mesma subida que resultara decisiva na carreira júnior.

A boa colaboración entre os tres de cabeza mantívose ata que Lorenzo cedeu na aproximación á chegada. Co pulso polo título reducido a dous corredores, o do Zona Cycling e o do Barbanza vixiáronse e xogáronse a vitoria na recta de meta. Fandiño fixo valer a súa punta de velocidade sobre Fajardo, con Lorenzo chegando a retomar a roda dos dous primeiros, aínda que sen opcións de vitoria. O grupo perseguidor, de trece unidades, finalizou a seis segundos.

 

Triunfo júnior nas mulleres

Seis categorías buscaban raíña na competición feminina, a derradeira carreira na programación deste campionato. Cando aínda non se alcanzaran os primeiros 10 quilómetros, dos 39 que debían completar todas as participantes, cinco ciclistas puxeron terra de por medio co resto: as elites Diana Pedrosa (Aleata-Farto) e Barros, as sub23 Inés Castaño (Aleata-Farto) e Sanmartín, e a júnior Fernández.

Castaño non podía seguir o ritmo das súas acompañantes e quedaba nunha situación intermedia entre as catro máis fortes e o grupo no que se pugnaba, entre outras cousas, pola coroa cadete. A vantaxe do cuarteto que de cabeza non deixaría de ir a máis ata a conclusión.

As dúas corredoras máis experimentadas, Barros e a portuguesa Pedrosa, descolgaron a Sanmartín e Fernández no último paso pola ascensión máis esixente do percorrido. Malia que tiñan os títulos das súas categorías garantidos, as dúas perseguidoras non tiraron a toalla na persecución. Volveron conectar coas dúas elites no último quilómetro e a máis nova das catro, a júnior Fernández, foi a máis rápida.

A 4 minutos e 9 segundos chegaría Inés Castaño, quinta clasificada e segunda Sub23. A súa irmá Carla (Aleata-Farto) acompañaríaa no podio da súa categoría tras rematar 23” máis tarde formando parte dun grupo no que Claudia García conquistou o título cadete por diante de Carla Montoiro (Negreira). Noela Saa (Maceda), segunda júnior, e a local Uxía Fernández, segunda elite galega, tamén finalizaron nese tempo.

Medio minuto despois concluíu outro grupo con, entre outras, a terceira elite galega Estefanía Abelenda (Aleata-Farto), a terceira júnior Sara García (Cambre) e a terceira cadete Sonia Domínguez (Cambre). Por último, as dúas campioas máster, Gómez e Alarcón, alcanzaron xuntas a liña de meta baixando o pano da competición.

Os trofeos, medallas e maillots do campionato entregáronos o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o concelleiro de Deportes de Monforte, José Manuel Mougán; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Foto: Quadra Produccións

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Monforte repartiu oito títulos autonómicos de fondo en estrada

Mas noticias relacionadas