Pablo Rodríguez liderou a colleita de podios galegos no Open de España XCO de Valladolid

Publicado por: F.G. Ciclismo

Unha vitoria individual, un triunfo por equipos, outros tres podios e oitos postos máis no 'top-10'. Os bikers galegos obtiveron unha sensacional colleita de resultados no Gran Premio Ciudad de Valladolid BTT, segunda proba puntuable do Open de España Cofidis de Cross Country Olímpico (XCO).

Os éxitos dos nosos representantes encabezounos Pablo Rodríguez. O macedán do MMR Team venceu na competición elite e sub-23, na que chegou á liña de meta xunto ao seu compañeiro de equipo David Valero. O 9º posto nesta carreira ocupouno Saúl López (Academia Postal – Actyon – MMR), mentres que Samuel González (Salvaterra) rematou 16º e 6º mellor sub23.

En canto á carreira raíña feminina, Irene Trabazo (Marín) terminou como segunda mellor sub23 tras acadar a 9ª praza na clasificación absoluta. 

Os outros dous podios individuais asináronos o júnior Carlos Canal (Academia Postal – Actyon – MMR) e o cadete Miguel Rodríguez (Ponteareas). O limiao do Maceda concluíu 2º a 41 segundos do gañador David Domingo (Primaflor) e co cuarto posto fíxose o vigués Adrián Barros (Coruxo). Pola súa banda, o cadete Rodríguez subiu por primeira vez ao caixón do Open de España de BTT. O ponteareán, 3º  a 1:58 do gañador Alberto Barroso (Sportbici), liderou aos galegos nunha categoría na que Marcos Nube Lema (Academia Postal – Actyon – MMR) clasificouse 9º e Jorge Fernández (Coruxo), 10º.

O resto de postos de honra dos representantes autonómicos correspondéronlle a Manuel Ángel Parada (Rsbike) 6º nos masters-30, a Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) 4ª nas cadetes e a Andrea García (Academia Postal – Actyon – MMR) 5ª nas juniors. 

A guinda a esta xornada púxoa o triunfo por equipos do Academia Postal – Actyon – MMR. O Open de España Cofidis XCO regresará o 8 de abril co Open Villuercas en Extremadura, terceira e penúltima proba do certame estatal.

Máis información

 

 

 

 


Enlace con la noticia original: Pablo Rodríguez liderou a colleita de podios galegos no Open de España XCO de Valladolid

Mas noticias relacionadas