Samuel González vestiuse como primeiro líder do Trofeo Federación XCO en Baños de Molgas

Publicado por: F.G. Ciclismo

Para os amantes da BTT, a primeira xornada do Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO) foi unha bendición. Choiva, barro e un circuíto esixente. Os ingredientes perfectos para que o I Gran Premio XCO Estaciones Vivas, organizado pola Fundación ADO Moure e o C. C. Orensano, fose un éxito. De cadetes a veteranos, os 106 competidores tiveron que esforzarse ao máximo no circuíto construído polo Inorde na localidade ourensá de Baños de Molgas.

Ás catro da tarde comezaba a proba cadete masculina e as masters-40 e 50/60. Con vitoria nos cadetes para Xoel Montes (A.D. Avanza) mentres que nos máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling) vencía con autoridade e Manuel Castro (BarbanzaBike) foi o primeiro entre os masters-50/60.

Unha vez acabada a primeira quenda preparáronse o resto de categorías na grella de saída. Ás 17:30 deuse a o pistoletazo inicial aos elites e sub23 que terían que dar 5 voltas ao circuíto que co paso dos corredores e a choiva incesante durante toda a tarde fixo que nalgunhas zonas se acumulase moito barro, engadíndolle un punto de dureza extra. Cun minuto de diferenza deuse saída aos juniors, masters-30 e ás elite e sub23, juniors e cadetes.

A primeira en entrar en meta sería a corredora cadete de Laura Capa (Farto), a súa categoría tiña que dar dúas voltas. Tras de si foron entrando segundo ían acabando as súas voltas as/os corredoras/es. Nas elites gañou Diana Blanco (Mitto By X-Sauce), nas juniors Alba Arias (Arteixo-MB3), nos masters-30 Marcos Mayo (O Treito) e nos juniors Roi López (Compostelano).  

Triunfo incontestable

O vencedor na categoría raíña no I Trofeo Estaciones Vivas XCO foi o sub23 Samuel González (Salvaterra) que desde o inicio da proba colleu a cabeza e volta a volta fixo crecer a diferenza cos seus perseguidores, demostrando que despois do descanso do ciclocross segue con forza para afrontar o calendario de XCO. O vigués impúxose con 5 minutos e 47 segundos de vantaxe sobre o elite Esteban Sánchez (Extol – La Gramola).

O gañador absoluto sinalou que "me atopei cómodo na carreira e sobre o barro aínda se nota a técnica do ciclocross. Non me esperaba estar tan ben. Viñen para gozar e coller ritmo, e acabei conseguindo a vitoria". A González agradoulle o percorrido por Baños de Molgas,  o mesmo escenario que vai acoller este verán o Campionato de España en idade escolar: "É un circuíto que me gustou moito, se ben é certo que o barro o puxo delicado e perigoso. En condicións normaís é divertido e duro. As baixadas están traballadas e moi ben peraltadas". 

Os promotores deste I Gran Premio XCO Estaciones Vivas estrearanse dentro dun mes como organizadores dunha proba de XCM. Antes, o calendario autonómico presenta para o vindeiro sábado a primeira cita puntuable da Copa Galicia XCO, o VII Trofeo BTT Rallie Cidade de Ferrol, e o Trofeo Federación regresará o 24 de marzo co XC Montefaro. 

Fonte: Fundación ADO Moure

 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Samuel González vestiuse como primeiro líder do Trofeo Federación XCO en Baños de Molgas

Mas noticias relacionadas