Uxía Álvarez e Manuel Pellón conseguen unha prata e un bronce para Galicia no Campionato de España DHI

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Na illa de Gran Canaria a Selección de Galicia de Descenso fíxose cun botín de dúas medallas. Uxía Álvarez, asinando a segunda posición nas cadetes, e Manuel Pellón, terceiro nos máster-30A , subiron ao podio do Campionato de España DHI. Os cinco representantes do combinado autonómico que competiron na localidade de Teror remataron entre os dez primeiros das súas categorías.

Os máis de 120 participantes lanzáronse nunha baixada técnica de algo máis de un quilómetro de distancia e cunha pendente máxima do 50%. Neste trazado, Uxía Álvarez confirmou que é unha das principais promesas do DHI estatal.  A viguesa rematou terceira na clasificación scratch. O seu rexistro de 3 minutos 13 segundos tan so o rebaixaron a tamén cadete Aina González (Catalunya), cun crono de 2:42, e a elite Telma Torregrosa (Premia de Dalt), que detivo o reloxo en 3:03. A galega colgouse a prata como segunda clasificada na táboa da súa categoría. 

O segundo metal para a delegación galega acadouno Manuel Pellón na categoría máster-30A. Malia ter sufrido unha caída, o rider das Pontes rubricou na final un tempo de 2 minutos e 11 segundos e 73 centésimas. Unha marca que lle outorgou un emocionante bronce, ao rebaixar en 12 centésimas o resultado do cuarto clasificado Ángel Padilla (Canarias). O galego quedou a 1" de Efrén del Pino (Biketherore), que se adxudicou a prata, e a 6" do campión Adal Capote (Flow Trails).

A 7 centésimas

A Selección de Galicia acariciou unha terceira medalla, pero unha exigua diferenza de 7 centésimas afastou a Víctor Mariño de subir ao caixón sub23. Decimoquinto na clasificación scratch, o seu rexistro de 2:04.06 bateuno por un suspiro Jesús Batista (Canarias) e o galego tivo que conformarse coa cuarta praza. Dentro do Top-10 desta categoría tamén finalizou o outro piloto do combinado autonómico, Kevin Méndez, noveno (2:18.03).

Outra destacada actuación protagonizouna o júnior Marco Martínez. Nunha categoría con moito nivel obtivo a quinta posición tras parar o cronómetro en 2:06.88. O podio escapóuselle por 6 segundos. 

 

Máis información

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Uxía Álvarez e Manuel Pellón conseguen unha prata e un bronce para Galicia no Campionato de España DHI

Mas noticias relacionadas