A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS E A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE MANTEÑEN UNHA XUNTANZA VIRTUAL PARA VALORAR A SITUACIÓN DAS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS CON RELACIÓN Á CRISE DO COVID-19

Publicado por: UFEDEGA

Rafael Louzán, Presidente da UFEDEGA e José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte, acordaron manter este tipo de reunións periodicamente para que todo o deporte galego avance “de xeito unánime na mesma dirección”

Esta mañá a Unión de Federacións Deportivas Galegas e a Secretaría Xeral para o Deporte mantiveron unha reunión a través de videoconferencia, co obxectivo de trasladar ao ente público as inquedanzas que actualmente lle preocupan ás diferentes Federacións Deportivas Galegas.

A orde do día desta xuntanza tiña como temas principais o estado dos convenios de colaboración coas Federacións Deportivas Galegas, as actuacións levadas a cabo por parte da Secretaría Xeral con relación á situación derivada do Covid-19, a análise da situación actual do tecido deportivo en Galicia e as futuras actuacións e posibles axudas públicas.

O secretario xeral para o Deporte enviou aos distintos presidentes das federacións deportivas de Galicia unha mensaxe de “unión nun momento complicado” no que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa “man a man” co tecido deportivo galego na toma de decisións conxuntas que beneficien á totalidade do sector.

Lete Lasa, anunciou aos membros da Xunta Directiva da UFEDEGA que foi asinada a resolución que prorroga seis meses os recoñecementos de alto nivel para os deportistas galegos que finalizan a súa condición no ano 2020 e que será publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras datas. O Secretario Xeral tamén informou que agarda resposta do Consejo Superior de Deportes tras solicitar información sobre as decisións adoptadas respecto das competicións deportivas oficiais de ámbito estatal.

Cómpre salientar tamén que no mes de maio, a Escola Galega do Deporte e a UFEDEGA porán en marcha o bloque común das actividades de formación deportiva, na modalidade a distancia.

Por outro lado Rafael Louzán incidiu na importancia dos convenios de colaboración, xa que moitas federacións dependen directamente destes acordos para poder facer fronte ao día a día das entidades federativas. A resposta a esta cuestión foi que os expedientes de pago dos 58 convenios de colaboración coas federacións deportivas de Galicia, están moi avanzadas na súa tramitación e que incluso nas próximas datas se podería proceder ao pago.

Os directivos da UFEDEGA, os cales participaron activamente na reunión, manifestaron en primeiro lugar que a prioridade segue sendo a saúde dos deportistas e cidadáns, pero tamén incidiron na importancia de buscar unha solución ao estado das competicións deportivas autonómicas suspendidas.

A xuntanza virtual finalizou co emprazamento a unha próxima reunión antes do levantamento do estado de alarma.

La entrada A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS E A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE MANTEÑEN UNHA XUNTANZA VIRTUAL PARA VALORAR A SITUACIÓN DAS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS CON RELACIÓN Á CRISE DO COVID-19 se publicó primero en UFEDEGA.


Enlace con la noticia original: A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS E A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE MANTEÑEN UNHA XUNTANZA VIRTUAL PARA VALORAR A SITUACIÓN DAS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS CON RELACIÓN Á CRISE DO COVID-19

Mas noticias relacionadas