Publicado por: F.G. Atletismo
A cidade de Logroño converteuse esta pasada fin de semana no epicentro do atletismo estatal coa celebración do Campionato de España de Seleccións Autonómicas nas categorías absoluta e Sub18, unha cita na que Galicia volveu demostrar o seu elevado nivel competitivo e, sobre todo, o extraordinario compromiso dos seus atletas, acadando en ambas categorías un meritorio sexto posto.
Máis aló dos resultados deportivos, o gran triunfo da expedición galega foi o magnífico ambiente vivido durante toda a concentración. A convivencia entre atletas veteranos e as novas promesas converteuse nun dos grandes valores da fin de semana, permitindo aos máis novos comprobar de primeira man o exemplo, a actitude e o liderado dos referentes da selección. Un grupo unido, comprometido e orgulloso de representar a Galicia, no que a implicación de todos os seus integrantes foi unha constante desde o primeiro ata o derradeiro momento do campionato.
A resposta dos internacionais galegos volveu ser exemplar, atendendo unha vez máis á chamada da selección e exercendo un papel fundamental tanto na competición como na cohesión do grupo. Esa implicación viuse tamén reflectida sobre a pista, onde chegaron os dous triunfos individuais da selección absoluta. Belén Toimil confirmou novamente a súa condición de referente nacional no lanzamento de peso, impoñéndose cun mellor intento de 16,87 metros, mentres que Daniel Chamosa dominou con autoridade os 5.000 metros marcha, cruzando a meta en primeira posición cun tempo de 19:09.81.
Entre as actuacións máis destacadas sobresae tamén o magnífico concurso realizado por Blanca Pereira no lanzamento de martelo. A atleta galega asinou unha brillante segunda posición (61,35 m), cedendo unicamente ante a plusmarquista española Laura Redondo e demostrando unha gran madurez competitiva.
Especialmente valiosas resultaron tamén as terceiras posicións conseguidas por David de la Fuente nos 3.000 metros, Demeku Paniagua nos 3.000 obstáculos e José Orlando Escobar no lanzamento de xavelina, achegando unha importante suma de puntos para manter a Galicia entre as seleccións máis competitivas do campionato.
A estes resultados uníronse as valiosas achegas de David Vicente nos valos, Iria Solera no salto de altura, Miguel Carbajales na pértega —onde ademais estableceu a súa mellor marca persoal con 4,90 metros—, así como o relevo mixto de 4×100 metros e o resto de compoñentes da selección, que permitiron a Galicia finalizar nun destacado sexto posto da clasificación xeral.
Resultados selección galega absoluta
- 100 m. 11º Ainhoa Repáraz 11.71
- 200 m. 15º Eloy Acuña, 21.65 (MMP)
- 400 m. 11ª Lara López, 56.42
- 800 m. 3º Anxo Lado, 1:48.70
- 1500 m. 10ª Debritu Paniagua, 4:36.36
- 3000 m. 2º David de la Fuente, 8:05.13
- 110 v. 5º David Vicente, 14.35
- 400 v. 9ª Lía Caride, 1:00.03
- 3000 obstáculos. Demeku Paniagua, 10:24.98
- 5.000 Mcha. 1º Daniel Chamosa, 19:09.81
- Altura. 6ª Iria Solera, 1.73
- Pértega. 7º MIguel Carbajales 4.90 (MMP)
- Lonxitude. 12ª Nayr Cortegoso, 5.54
- Triplo. 11º Gonzalo Cuns, 14.48
- Peso. 1ª Belen Toimil, 16.87
- Disco. 13º Marcos Bouza, 48.81 m.
- Martelo. 2ª Blanca Pereira, 61.35
- Xavelina. 4º Orlando Escobar, 66.60
- 4×100 mixto. 8ª Galicia 43.16
- 4×400 mixto. 11º Galicia 3:31.33
Galicia Sub18 confirma o excelente futuro do atletismo galego
A xornada do domingo estivo reservada para o Campionato de España de Seleccións Sub18, no que Galicia volveu repetir a sexta posición, sumando un total de 118 puntos e deixando magníficas sensacións grazas ao excelente rendemento das novas xeracións do atletismo galego.
A gran actuación da xornada correspondeu a Bruno Castro, quen asinou un espectacular salto de 7,15 metros na lonxitude, mellor rexistro de toda a competición e unha mostra máis do enorme potencial do atleta galego.
Outro dos grandes nomes propios foi Irma Veiguela, vencedora dos 800 metros cunha extraordinaria marca persoal de 2:06.69, confirmando a súa progresión. Tamén Pablo Vázquez levou o triunfo para Galicia nos 2.000 metros obstáculos cun excelente rexistro de 5:55.20.
Os postos de podio completáronse coa terceira posición de Mauro Seguín nos 400 metros valos e coa magnífica actuación de Sergio Gil no salto de altura, onde superou por primeira vez a barreira dos dous metros (2,00 m), establecendo tamén a súa mellor marca persoal.
Nos concursos de lanzamentos volveron destacar Aitana Capeáns, segunda en disco, e Javier Cid, tamén segundo en martelo, confirmando o excelente momento desta especialidade dentro do atletismo galego.
En definitiva, os dous sextos postos acadados en Logroño representan moito máis que un resultado deportivo. Reflicten o traballo desenvolvido durante toda a tempada polos clubs, adestradores e atletas galegos, así como a consolidación dun modelo de selección baseado no compromiso, na convivencia e no orgullo de defender as cores de Galicia. Unha expedición que regresou cun importante botín de resultados, pero tamén coa satisfacción de ter ofrecido unha magnífica imaxe tanto dentro como fóra da competición.
Resultados da selección galega Sub18
- 100 m. 7º Lois Arenas, 11.06
- 200 m. 15ª Carmen Paz, 26.10
- 400 m. 12º Iker Salgueiro, 51.22
- 800 m. 1ª Irma Veiguela, 2:06.69 (MMP)
- 1500 m. 5ª Xaime B. Abeledo, 4:04.06
- 3000 m. 16 Claudia Pérez, 11:14.08
- 100 v. 12 Carlota Vázquez, 15.38
- 400 v. 3º Mauro Seguín, 52.77
- 2.000 Obs. 1º Pablo Vázquez, 5:55.20
- Altura. 3º Sergio Gil, 2.00 (MMP)
- Pértega. 8ª Rebeca Fernández, 2.95
- Lonxitude. 1º Bruno Castro, 7.15
- Triplo. 9 Alba Comesaña, 11.7
- Peso. 8º Miguel An. López, 13.99
- Disco. 2ª Aitana Capeáns, 39.45
- Martelo. 2º Javier Cid, 61.88
- xavelina. 9ª Lara Pereira, 37.03
- 4×100 mixto. Descualificada
- 4×400 mixto. 13º Galicia 3:43.90
O artigo Espírito de equipo e dous meritorios sextos postos para a Irmandiña publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Espírito de equipo e dous meritorios sextos postos para a Irmandiña
