Publicado por: F.G. Atletismo
A representación galega asinou unha extraordinaria actuación no Campionato de España Máster de Atletismo, celebrado entre os días 26 e 28 de xuño no Estadio Vallehermoso de Madrid, ao regresar cun balance de 67 medallas (30 de ouro, 19 de prata e 18 de bronce) e un total de 11 novos récords galegos, confirmando unha vez máis o excelente momento do atletismo máster da nosa comunidade.
Entre as actuacións máis destacadas sobresae a de Sergio Rodríguez da Gimnástica, quen tras proclamarse campión de Galicia absoluto, revalidou o seu gran estado de forma ao conquistar os títulos dos 200 metros (21.77) e dos 400 metros (48.39). Nesta última distancia estableceu ademais un novo récord galego da súa categoría.
Tamén brillou nas probas de velocidade José Cidrás do S.M. Marín, que na categoría M75 conseguiu o dobrete ao proclamarse campión de España nos 100 metros (16.37) e nos 200 metros (35.77).
Nos concursos, Basi Bernárdez de A Silva en M50, sumou dous títulos nacionais tras impoñerse en lonxitude (5,89 m) e triplo salto (12,14 m). Pola súa parte, Xulio Ventín do At. Sada en M60, proclamouse campión de España en martelo (41,70 m) e martelo pesado (15,95 m), completando a súa actuación cunha medalla de prata en disco (37,75 m).
A plusmarquista mundial Esther Pedrosa volveu ser unha das grandes protagonistas do campionato ao conquistar tres títulos de España e establecer dous novos récords galegos nas probas de 800 metros (2:48.66) e 5.000 metros (21:45.33).
Nas probas de valos destacou Carlos Ferrer do Samertolameu, que na categoría M65 conseguiu un espectacular dobrete ao facerse cos títulos nacionais tanto nos 110 metros valos como nos 300 metros valos.
No salto de altura, o histórico plusmarquista galego absoluto desde 1992 con 2.20 m., Carlos de la Peña do Marineda At., acadou os 1,71 metros na categoría M55, marca que supón un novo récord galego. Pola súa banda, Carlos Almudí, en M50, logrou o récord dos campionatos en martelo pesado con 18,61 metros, ademais da medalla de prata en martelo con 57,11 metros.
Outra das actuacións máis destacadas foi a de Javi Viteri, quen na categoría M60 lanzou a xavelina ata os 40,17 metros, conseguindo unha valiosa puntuación por coeficiente. Na categoría F50, Elisabeth Pazo estableceu un novo récord galego en martelo pesado con 12,26 metros.
En M60, Ángeles Rodríguez da At. A Silva proclamouse campioa de España en xavelina, completando a súa excelente participación con tres medallas de prata en peso, martelo e martelo pesado.
Os récords galegos tamén tiveron como protagonistas a Amalia Sanmartín do Egovarros que na categoría F75 mellorou as marcas autonómicas dos 100 metros (18.97) e dos 200 metros (35.67); Jacinto Cea do Samertolameu, con récord galego nos 200 metros M50 (24.38); Fernando Míguez (Atletismo Sada), que fixo o propio nos 200 metros M55 (25.55); e José Bao do Marineda , quen estableceu unha nova mellor marca galega nos 100 metros M70 con 14.15.
Estes resultados consolidan a excelente saúde do atletismo máster galego, que volveu situarse entre as federacións máis destacadas do panorama estatal grazas ao elevado número de medallas, títulos e mellores marcas autonómicas acadadas durante a competición.
Foto RFEA
O artigo Galicia pecha o Campionato de España Máster con 67 medallas e 11 novos récords galegos publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.
Enlace con la noticia original: Galicia pecha o Campionato de España Máster con 67 medallas e 11 novos récords galegos
