Irene Trabazo: “Espero estar na loita pola vitoria no Campionato de España”

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Un ano máis pasou o Nadal competindo en Bélxica e Francia.

Sí, este é o quinto ano. Esta vez fumos correr dúas Copas do Mundo e dúas probas internacionais. Resultan atractivas non so polos puntos UCI que podes coller, se non pola competitividade. O outro día na Copa do Mundo de Zólder eramos máis de 100 participantes. Para ir con elas sempre vas co gancho e iso faiche subir un punto o teu nivel para chegar ao Campionato de España nas mellores condicións.

Por mor desta xira europea non puido defender o seu título autonómico no Porriño…

Esta situación non era a inicialmente prevista para o Nadal. Xurdiu un contratempo e tivemos que facer así. A miña intención era correr unha proba internacional antes de Namur, as dúas Copas do Mundo e regresar para poder disputar o Campionato de Galicia. Porén, Berto (o seu adestrador) ao final non puido subir e houbo que cambiar os plans. Tiven que adaptarme á xente coa que estou compartindo viaxe.

Coa experiencia internacional que conta, ¿cal elixe como o seu circuíto preferido no estranxeiro?

O que máis me gusta é o da Copa do Mundo de Zolder, aínda que o da Copa do Mundo de Hoogerheide (Países Baixos) adáptase moito ás miñas condicións físicas.

Gañadora da clasificación final Sub-23 da Copa de España, ¿que balance realiza do que vai de temporada?

A realidade é que, ata o de agora, o balance é positivo. Vou presentarme no Campionato de España con opcións a gañalo. Teño unha rival bastante forte que é Sofía Rodríguez. Estaremos aí e intentarei loitar por gañalo para que se quede en Galicia.

¿Ten unha espiña clavada co Campionato de España despois do que sucedeu no último?

Nos Campionatos de España pode pasar calquera cousa. É unha proba dun día, como outra do calendario, e ao longo da temporada tes carreiras que che saen mellor ou peor. A pasada temporada, nunha volta e media acabouse para min. Esperemos que este ano non nos acompañen as avarías mecánicas e poder estar na loita pola vitoria en condicións óptimas.

¿Hai gañas de ‘revancha’?

Sí, este ano o tomamos como un obxectivo, como unha ‘revancha’. Ao final o ciclismo, neste caso o ciclocrós, é un deporte e entran en xogo factores que van máis alá do que ti poidas dar.

Na Copa de España xa se estreou o novo trazado do circuíto da Illa das Esculturas. ¿Que modificacións destaca?

Agora é máis técnico. Haberá que esperar a que condicións climatolóxicas nos imos atopar o 11 e o 12 de xaneiro, por se está máis enlamado ou máis seco. Se hai barro, haberá que botar a bicicleta ao ombro e patear. Pola contra, se está seco, será un circuíto rápido.

¿Que suporía para Irene Trabazo proclamarse campioa de España na súa casa?

Sería unha gran ilusión para todos, para min e para toda a xente que está detrás. Gañar un campionato xa é importante, pero facelo na casa é moito máis. Toda a xente vai estar alí animando e agardando que Galicia consiga o maior número posible de medallas. Xa non é unha cuestión persoal, se non o orgullo de todos os títulos que poida lograr a selección galega.


Enlace con la noticia original: Irene Trabazo: “Espero estar na loita pola vitoria no Campionato de España”

Mas noticias relacionadas