Publicado por: F.G. Ciclismo
O ciclista estradense Óscar González ( Froiz) proclamouse vencedor da Volta a Cantabria 2018 que concluia en Maliaño despois de tres xornadas de competición. O exprofesional galego foi segundo clasificado na liña de meta da última etapa. González cruzou a liña de chegada no mesmo tempo que o gañador, o xaponés Shoi Matsuda tras protagonizar a escapada boa do día na última ascensión ao alto do Churi.
Ambos corredores avantaxaron en 17 segundos ao escaso pelotón que quedaba no treito final da xornada o que permitiu ao pupilo de Evaristo Portela arrebatar a camisola amarela ao ata entón único líder da rolda cántabra, o corredor do Rías Baixas Antonio “ Chava” Angulo. O xefe de filas do equipo nigranés na Volta a Cantabria non puido ser profeta na súa terra e tivo que conformarse coa segunda praza e o premio ao mellor ciclista cántabro da competición.
González, que fose profesional durante tres tempadas no ciclismo portugués chega ao final desta tempada de retorno ao cicísmo élite en plenitude de condicións, circunstancia que quedou demostrada coa súa vitoria na pasada Volta a León, agora na Volta a Cantabria e todo elo a escasos vinte días de que comece a Volta a Galicia.
Enlace con la noticia original: Óscar González (Froiz) gaña en Cantabria a súa segunda volta por etapas da tempada