Samuel González corrobou en Ferrol o seu liderado na Copa Galicia XCO

Publicado por: F.G. Ciclismo

Houbo que agardar ata o primeiro día de maio para que os bikers galegos puideran rodar sobre un terreo seco neste 2018. Despois de varias competicións pasadas por auga, o sol brillou no Trofeo BTT de Rallie Cidade de Ferrol. Nunha espléndida xornada no atmosférico e no organizativo, o sub23 Samuel González (Salvaterra) reafirmou a súa condición de líder na segunda proba puntuable da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO).

A elite Lara Lois (Extol – La Gramola Team) foi a gañadora absoluta entre as mulleres e nas clasificacións por grupos de idade impuxéronse Marco Nube e Noela Saa, os dous do Academia Postal – Actyon – MMR, en cadetes; David Argunde (Armenteira e Punto) e Andrea García (Academia Postal – Actyon – MMR) en juniors; Jorge Punzón (Prebetong) nos elites; Manuel Ángel Parada (RSBike) nos masters-30; Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40; Manuel Castro (Barbanzabike) nos masters-50/60 e Marta Barbeito (Hércules) nas masters.

O Club Ciclista Ferrol, encabezado polo seu novo presidente Pedro Ausin, encargouse de coordinar a sétima edición desta cita que deixou un gran sabor de boca entre os participantes. O circuíto pola parroquia de Brión namorou os bikers. Un trazado revirado e con pasos técnicos polas lousas de granito, moi entretido e con fortes pendentes. 

Neste espectacular escenario Samuel González cumpriu cos prognósticos e dominou entre os elites e sub23. O vigués, triunfador na carreira inaugural da Copa Galicia celebrada en Poio, repetiu éxito en Ferrol cun tempo de 1 hora 20 minutos e 5 segundos, avantaxando en 1:22 a Jorge Punzón, segundo clasificado e gañador elite. Máis emocionante estivo a pugna pola terceira posición co sub23 Pablo Álvarez (Cambre-Renault Caeiro) superando por 13" ao elite Alberto Pedreira (Bici Verde).

Debut con vitoria

A primeira xornada do certame autonómico non a disputara Lara Lois, que se estreou ao grande na cidade departamental. A grovense non deu opción na carreira raíña feminina e venceu con solvencia detendo o reloxo en 1:19:32. "Tremendo circuíto. Fermoso, esixente e divertido, todo á vez" sinalou a gañadora. A segunda praza correspondeulle á máster Marta Barbeito (1:24:46) e terceira rematou a elite Nuria Senra (Os Eskornabois).

Nas clasificacións xerais da Copa Galicia vivíronse dous cambios de líderes. David Aragunde adianta na táboa júnior a Adrián Barros (Coruxo), ausente nesta proba, e Marco Nube Lema desbanca nos cadetes a Jorge Fernández (Coruxo). O resto de categorías teñen como primeiros clasificados á cadete Noela Saa, á júnior Andrea García, ao sub23 Samuel González, ao elite Jorge Punzón, á elite Lara Lois, ao máster-30 Manuel Ángel Parada, ao máster-40 Alejandro Trasbach, ao máster-50/60 Manuel Castro e á máster Marta Barbeito. 

Na cerimonia de podio tamén se entregaron os maillots azuis do VI Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC. Os primeiros deportistas da provincia tras dúas xornadas puntuables son Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos) nos cadetes; Roi López (Compostelano) e Andrea García en juniors; Pablo Álvarez nos sub23; Antonio Mato (Toxo) e Nuria Senra en elites; Manuel Ángel Parada nos masters-30; Alejandro Trasbach nos masters-40; Manuel Castro nos masters-50/60 e Marta Barbeito nas masters. 

A vindeira cita valedeira para ambos certames será o III XCO Caimanes Betanzos, fixado para o sábado 19 de maio. 

 

Foto: Luz Iglesias

 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Samuel González corrobou en Ferrol o seu liderado na Copa Galicia XCO

Mas noticias relacionadas