As contrarreloxo abren o Campionato de España Escolar en Molgas

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

As probas contra o reloxo serán as encargadas de abrir o programa de competición do Campionato de España Escolar de Ciclismo que se inicia este venres na localidade ourensá de Baños de Molgas. A partir das cinco e cuarto da tarde iniciaranse as saídas dos equipos desde a meta situada aos pés do espectacular Santuario de Os  Milagres. O trazado disposto pola organización é un percorrido de 7,5 quilómetros cun perfil enganoso debido á peculiar orografía galega na que calquera  repecho pode ser unha trampa para quen descoñece os tobogáns das nosas estradas. A maior parte das seleccións autonómicas presentes en Ourense tiveron a ocasión de tomar contacto co percorrido aínda que aínda terán marxe para facelo ao longo da mañá.

A cita, na que se competirá por seleccións autonómicas, iniciarase ás 17:15 horas coa disputa da contrarreloxo por equipos cadete para mulleres. Acto seguido, ás 18:00 horas, entrarán en liza os cadetes masculinos. As seleccións poderán presentar ata catro componentes por formación na proba de equipos. Pecharán a xornada as contrarreloxos individuais en categoría cadete, tanto feminina como masculina.

A pesar da dificultade que entraña unha competición cuxos participantes cambian na súa práctica totalidade de ano a ano, as ilusións de completar un bo papel ante o seu público será un aliciente engadido para a expedición galega que dirixe Guillermo Sande. O combinado de Galicia ten como referencia as medallas obtidas nos Campionatos de Ávila en 2017 nos que lograron duas  preseas nas probas contrarreloxo: o ouro en cadete feminino grazas a Carla Fernández e o bronce cadete masculino de Miguel Ángel Mera.

Amplo programa para o sábado

A xornada do sábado iniciarase coas probas de fondo para os infantís. Serán 13 quilómetros en liña que abandona a tradicional carreira en circuíto. As mulleres sairán ás 10:00 horas, mentres que os mozos comezarán ás 11:00 horas.

A sesión de tarde iniciarase ás 16:00 horas coas probas de  btt en categoría cadete. O equipo de Galicia feminino terá difícil revalidar o título de 2017 fronte a un cadro de competidoras foráneas nas que estará, entre outras, a gañadora de 2017 Lucía Gómez (Baleares). Os cadetes masculinos presentan un bloque máis sólido para medirse a rivais da talla do andaluz Alberto  Barroso, ouro en 2017. O día pecharase coas probas de xymkana para os infantís


Enlace con la noticia original: As contrarreloxo abren o Campionato de España Escolar en Molgas

Mas noticias relacionadas